Friday 17 de May de 2024

O “XV Torneo de golf Cidade de Narón” dispútase esta fin de semana no campo do Val


O campo de Golf Campomar, no Val, acolle esta fin de semana a décimo quinta edición do Torneo de Golf Cidade de Narón. Este evento deportivo, no que participan un centenar de persoas, continuará mañá nas citadas instalacións, ubicadas no lugar de Vilacornelle. O Concello organiza a convocatoria co Club de Golf Campomar, destacando a alcaldesa o labor da entidade e a súa aposta por impulsar este deporte na cidade e para persoas dunha ampla franxa de idade.

Esta tarde o torneo comezará ás 15.30 horas e terá continuidade maña todo o día, dende as 9.00 e a partir das 15.00 horas, tal e como indicou o vicepresidente do club, Juan Sousa. Disputarase o trofeo da modalidade Stableford e haberá premios para os dous primeiros de cada categoría e tamén para os da segunda e entregarase o premio ao Mellor xogador ou xogadora Scratth. A entrega de premios e agasallos está prevista para as 19.30 horas e na mesma participará a alcaldesa, Marián Ferreiro, xunto con representantes do Club de Golf Campomar.

“Este é un dos torneos máis importantes dos realizados nas instalacións do Val e non só polos premios, senón tamén pola parte emocional, porque o apoio do Concello é moi importante para a continuidade deste club, único na comarca”, destacou Sousa.

Ferreiro valorou as palabras do vicepresidente do club e desexoulles moita sorte aos participantes e incidiu na importancia do feito de poder contar cun importante número de afeccionados a este deporte na cidade.